ITINERARIO PERSONALIZADO DE INSERCIÓN (IPI)

Quero comezar sinalando que esta publicación vai máis enfocada cara comentar como é o proceso metodolóxico do Itinerario Persoal de Inserción (en adiante "IPI"), que cara o funcionamento específico do aplicativo de orientación no que se rexistra. Se ben farei algunha referencia a el, vai ser co fin de sinalar onde se ubica cada acción, documento ou formulario que conforman o IPI.

Ademais, o aplicativo vai ser definitivamente substituído en breve por outra versión, na  que se recollerán certos cambios, coma a posibilidade de ter varios IPI´s abertos ao mesmo tempo (incluso con distintos orientadores), non comezalo da mesma maneira no aplicativo, os nomes e cantidades das pestanas e outros máis. De todas formas, penso que o aquí comentado vai seguir sendo de utilidade, se ben algúns documentos van ter unha nova denominación e poderán sufrir algún cambio. O documento de "Perfil Profesional" parece que vai manter o seu nome, pero o actual "Compromiso de Actividades" vai denominarse "Acordo Persoal de Emprego". Para non xerar máis confusión, eu vou seguir usando neste artigo a terminoloxía existente ata o de agora.

ITINERARIO PERSOAL DE INSERCIÓN.

O Itinerario Persoal de Inserción (en adiante, "IPI") pode definirse como o "conxunto de actividades secuenciadas que as persoas atendidas deben percorrer co fin de facilitarlles recursos para que xestionen con autonomía o seu propio proceso de inserción laboral". Isto quere dicir que se trata dun proceso organizado en varias fases, nas que a persoa orientada e orientador/a van acordando e desenvolvendo unhas actividades consensuadas, co fin de que a persoa orientada vaia realizando de xeito autónomo un camiño que lle axude a mellorar a súa empregabilidade ou a acadar a súa inserción no mercado de traballo. 

A duración máxima estimada do IPI son 6 meses, se ben vai depender de se está enmarcado dentro dalgún programa que teña unhas características específicas, coma por exemplo, dentro do "Sistema Nacional de Garantía Juvenil", no que esa duración pode ser maior. Tamén convén explicar que esta duración non é estrictamente real. Se, por exemplo, se fai unha "Derivación" (*ver Fase de Seguimento), mentres dure a mesma non conta o tempo de IPI transcorrido.



FASES.

O IPI estrutúrase en 3 Fases:

1.- FASE DE INICIO:

Na pestana "Avaliación" elabóranse os documentos de "Perfil Profesional" e o formulario de "Tarefas Acordadas".

No documento de "PERFIL PROFESIONAL" temos que completar a seguinte información:

- Obxectivo/s Profesionais: seleccionar do combo desplegable.

- Ocupación: relacionada co apartado anterior, case sempre a mesma.

- *Competencias de Base: inclúen todas aquelas chamadas "Instrumentais", que moitas delas son as que se adquiren durante o ensino obrigatorio (coma o dominio dunha lingua, lectoescritura, cálculo) e outras (capacidade de movilidade e acceso a servizos, coñecementos de informática, posesión do carné de conducir...).

Competencias Técnicas Específicas: Fan referencia aos coñecementos teóricos e técnicos específicos, necesarios para desenvolver unha determinada actividade laboral. Por tanto, cambian en función da ocupación. Teñen relación cos perfís profesionais establecidos nos certificados de profesionalidade.

- Competencias Transversais: Fan referencia ao conxunto de capacidades e habilidades necesarias para dar resposta a distintas situacións laborais. Se se adquiriron nun determinado contexto tamén se poderán adaptar e aplicar noutro. (A isto chámaselle "Transferencia"). Divídense en Competencias de Identificación/Diagnóstico (as Propias Capacidades, a Disposición ao Aprendizaxe, Situarse no Contexto Laboral Concreto...); Competencias de Relación (Comunicación, Traballo en equipo, Relacións Interpersoais...); Competencias de Afrontamento (Responsabilidade, Adaptabilidade/Flexibilidade, Organización do propio traballo, Negociación, Resolución de problemas, Xestión da tensión, Iniciativa, Autonomía...).

- Actitudes e Dispoñibilidade: cara a formación, cara a busca de emprego...

- *Competencias de Acceso ao Mercado laboral: algúns autores inclúenas dentro das Competencias de Base. Son os coñecementos necesarios para poder funcionar en relación ao mercado laboral. Son os requisitos básicos para poder buscar, acceder e manter un traballo. Son aplicables ao acceso a case todos os traballos. Por exemplo: Técnicas de procura de emprego, Coñecemento do sector, Ocupacións e posto de traballo, Coñecemento dos dereitos e deberes dos/as traballadores/as, etc...

- Valoración Global do Perfil Profesional: en relación a todo o anterior, a valoración do orientador/a sobre o perfil consensuado, a empregabilidade do orientado/a e as necesidades detectadas. 


No formulario de "TAREFAS ACORDADAS" sinalaremos todas aquelas que consideremos necesarias desenvolver, en relación aos seguintes obxectivos: Establecer Obxectivos Profesionais; Obter Información sobre posibles Traballos e Requisitos; Adquirir os Coñecementos que esixe o Mercado de Traballo; Buscar Activamente Emprego; Preparar a Busca de Emprego; Contactar coas Empresas que poden ofrecer Emprego.



Unha vez cubertos estes documentos xa se pode marcar unha cita na pestana "Plan Individual". Nesta pestana é onde cumprimentamos o documento/formulario de "COMPROMISO DE ACTIVIDADES". Neste documento establécese que "O demandante de servizos comprométese a levar a cabo dentro do seu itinerario persoal para a inserción laboral  consensuado coa súa orientadora/or, as accións que a continuación se sinalan". Podemos establecer ata 10 actividades, íntimamente relacionadas cas tarefas acordadas anteriormente e ca avaliación feita do perfil profesional.


Neste momento é cando podemos "Iniciar IPI" e tamén temos que marcar obrigatoriamente a primeira cita de seguemento.

Por último, nesta Fase de Inicio é onde podemos sinalar (se o consideramos oportuno) na pestana de "Servizos Aconsellados", todos aqueles que consideramos que debería realizar o/a demandante. Podemos escoller entre os seguintes tipos: *Escola Obradoiro, *Taller de Emprego, Servizos Xerais, Formación ocupacional. (*Dende fai xa uns anos non se están ofertando Escolas Obradoiro, tamén chamadas Escolas Taller, que iban destinadas a < 25 anos. A oferta reduciuse aos Talleres de Emprego, tamén chamados Obradoiros de Emprego e sen facer a distinción de ir destinados a > 25 anos, se non a todos os demandantes).

Os servizos seleccionados serán enviados a "SICAS" a premer o botón "Enviar SICAS" ou cando pechemos a ficha. Enviar os servizos a SICAS quere dicir que esa petición de servizos queda activada no Servizo Público de Emprego e ademais, ao seren solicitados por un IPI, teñen máis preferencia que outras peticións.

2.- FASE DE SEGUIMENTO:

Na pestana de "Seguimento" podemos ver a información das distintas citas do demandante ao longo do IPI. Estas citas de seguimento poden ser: presenciais, telefónicas ou online (por e-mail).

A pestana de "Derivación" permítenos que o resto da ficha do IPI permaneza inactiva, en base a que a persoa demandante está participando en accións de interese noutros servizos, coma por exemplo, realizando un curso AFD. Esa situación cambia cando a derivación remata e xa podemos seguir cumprimentando o resto da ficha. Mentres dure esa derivación o tempo cronolóxico do IPI está detido, ata a data de fin establecida, polo que na realidade o IPI podería chegar a alongarse incluso máis dos 6 meses de máximo previsto. 

3.- FASE DE FIN:

Serve para rematar o itinerario (independentemente de cal sexa a causa) e pechar a ficha. Pódese facer en calquera momento, agás cando o demandante está en Derivación, Nese caso, hai que esperar a rrematar a derivación para finalizar o IPI.

Neste fase, temos que sinalar o "Motivo da Finalización". Para iso, seleccionamos do combo desplegable, algunha das seguintes opcións: Abandono por Incumprimento de Compromiso; Abandono por Outras Causas; Finalización por Colocación, Finalización por Consecución de Obxectivos; Finalización por Causas Xustificables; Finalización por Causa do Orientador; Abandono por Traslado (fóra da Comunidade Autónoma)

Se o IPI xa chegou a iniciarse (despois de elaborar na Fase de Inicio as Tarefas Acordadas e o Compromiso de Actividades), entón hai que cumprimentar tamén o documento de "VALORACIÓN / CONCLUSIÓNS". Este documento reflicte: das actividades propostas cantas se realizaron e cantas non e por que; o nivel de cumprimento de cada actividade; a duración do IPI (xa contabilizado automaticamente polo aplicativo) e o resultado en canto á inserción laboral ou non do demandante.



Convén sinalar que, se a persoa orientada segue como demandante de emprego, o "Motivo de Finalización" do IPI vai ter repercusión sobre os "Servizos Aconsellados" que se puideran ter solicitados ou se queiran solicitar. Así, ocorre que:

- Envíanse os servizos a SICAS, (como solicitadosse aínda non foran enviados) cando os motivos son: Finalización por Colocación; Finalización por Consecución de Obxectivos; Finalización por Causas Xustificables; Finalización por Causa do Orientador. 

- Anúlanse os servizos que se tiveran enviado a SICAS, cando os motivos son: Abandono por Incumprimento; Abandono por Outras Causas.

- Non se envía nada a SICAS, se o motivo foi: Abandono por Traslado.

VALORACIÓN PERSOAL:

A diferenza entre un IPI e unha Entrevista de Orientación Laboral consiste en que no IPI se estruturan e secuencian no tempo unha serie de actividades programadas e consensuadas ca persoa orientada. Na Entrevista non. Estas actividades do Itinerario forman un proceso organizado, contínuo, que se planifica en base a uns obxectivos concretos e se desenvolve mediante unha titorización durante un tempo determinado. Na Entrevista iso tampouco é así, se non que se trata de dar resposta a cuestións puntuais, sen haber titorización nin pretender, de inicio, manter un asesoramento e seguimento continuado.

Considero o IPI coma a ferramenta máis axeitada para a orientación laboral coas persoas que teñen menos coñecementos e competencias das ocupacións do seu interese e en xeral, do mercado laboral. Pola contra, para as persoas que só necesitan unha información/asesoramento puntual ou acceso a algúns dos Servizos Aconsellados, non resulta necesario, chega cunha Entrevista de Orientación. Precisamente, fago esta reflexión tendo en conta que, pola información que nos transmitiron, inicialmente o novo aplicativo de orientación non vai a permitir facer unha solicitude de servizos se non é no marco dun IPI, o que me parece un erro.

Ségueme en Twitter.

PARA SABER MÁIS:

Clasificación Europea de Capacidades/Competencias, Cualificacións e Ocupacións.

Profesións Reguladas.

Perfís Profesionais.

A miña Profesión.


Comentarios

Entradas más populares de este blog

RESUMEN MÓDULO 3. María Mora Jaureguialde

SESIÓN SOBRE ELABORACIÓN DEL PLAN DE NEGOCIO

Publicación invitada: Analizando la opción del autoempleo